O Concello de Valdoviño convoca o proceso para a selección de dous técnicos de turismo

As persoas interesadas en concorrer á convocatoria poden presentar as súas solicitudes a partir de mañá e por espazo de 10 días naturais

Valdoviño, 14 de xuño de 2024. O Concello de Valdoviño abre o prazo de presentación de solicitudes para cubrir dúas prazas de técnico de turismo. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria do proceso selectivo e as bases, co que a partir de mañá, 15 de xuño, comeza a contar o prazo de 10 días naturais para a recepción das solicitudes das persoas interesadas nos postos de funcionarios/as interinos/as en réxime de execución de programas.

A contratación realizarase durante un máximo de 4 meses ao ano na época estival, e o programa estenderase 3 anos ampliable -condicionado á subvención que, anualmente, concede a Deputación da Coruña para o financiamento das oficinas de turismo-.

Entre os requisitos das persoas aspirantes, é imprescindible estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística ou equivalente; Grao ou Diplomatura en Turismo ou equivalente homologado. A xornada será parcial, do 92% (34,5 horas semanais), podendo variar en función do financiamento dispoñible.

As funcións a desempeñar serán, en xeral, as seguintes: atención ao público, atención telefónica, dar resposta á información demandada a través de correo ordinario, fax e correo electrónico, preparación de material promocional turístico para distintas feiras e eventos, colaborar no deseño e na elaboración de rutas comarcais, realización de visitas guiadas, arquivar documentos e informes, cubrir formularios e elaborar informes estatísticos.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral municipal ou a través da sede electrónica, e no BOP de hoxe poden consultarse as bases que rexen a convocatoria e descargarse o ficheiro para a solicitude.

BASES DA CONVOCATORIA