O Concello de Valdoviño convoca o IV Concurso de Decoración de Nadal dirixido a veciñanza e tecido empresarial
A Concellería de Cultura abrirá o próximo luns 9 de decembro o prazo de presentación de solicitudes para tomar parte na iniciativa
Valdoviño, 5 de decembro do 2024. O Concello de Valdoviño convoca unha nova edición do seu Concurso de Decoración de Nadal, a cuarta xa, e este luns 9 de decembro abrirá o prazo de solicitudes para participar. Como principal novidade, incorpórase unha nova categoría, o mellor conxunto paisaxístico e fachada comunitaria, que deberán deseñar e ornamentar un conxunto de veciñas e veciños. Ademais, sen abandoar o eido veciñal, mantéñense as modalidades de decoración de balcóns, portas, fiestras e fachadas de casas unifamiliares, e a de xardíns e peches exteriores. No referente ao tecido empresarial, os negocios poderán optar ao recoñecemento da mellor decoración exterior de local e máis ao de decoración de escaparate, vidrieira, porta e fiestra. O obxectivo é promocionar e apoiar ao tecido empresarial e animar a particulares a contribuír ao ambiente festivo neste Nadal.
A ficha de inscrición está dispoñible na web municipal e na casa da cultura, onde se deberá entregar antes do 17 de decembro -incluído-. Poderá facerse presencialmente de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 19 h, ou a través da sede electrónica. Ademais, as persoas admitidas a concurso deberán achegar 2 fotografías da composión (unha diurna e outra nocturna) ao whatsapp do teléfono da casa da cultura 645 305 229 ou ao correo culturavaldovino@gmail.com.
Un ano máis, os gañadores sairán tanto da decisión dun xurado profesional como da votación popular que se abrirá nas redes sociais municipais -Facebook e Instagram- entre o 19 e o 23 de decembro. Neste último caso, só no apartado de tecido empresarial e sen distinción entre modalidades. Entre os criterios a valorar, terase en conta a orixinalidade, calidade artística, uso de materiais reutilizados ou naturais, a iluminación e a composición. No seu conxunto, o certame repartirá 600 euros en premios -cinco cheques canxeables no comercio local de 100 euros correspondente a cada modalidade a elección do xurado e dous cheques de 50 euros un para a votación popular en FB e outro para a de IG-. No caso dos comercios, os cheques son acumulativos, e poderían sumar ata 200 euros se logran o recoñecemento do xurado e do público a través das dúas redes sociais.
Por último, as decoracións non poderán desmontarse antes do 7 de xaneiro de 2025, co obxecto de que poidan contemplarse durante as festas de Nadal.