O Concello de Valdoviño convoca o III Concurso de Decoración de Nadal

Este ano, a Concellería de Cultura abrirá unha votación popular en redes, que se sumará á valoración do xurado

 Valdoviño, 1 de decembro de 2023. O Concello de Valdoviño convoca unha nova edición, a terceira, do Concurso de Decoración de Nadal, co que busca a complicidade de comerciantes, hostaleiros e veciñanza en xeral para crear ambiente festivo a pé de rúa de cara á época navideña. Este ano, cunha importante novidade, xa que a cidadanía poderá valorar as decoracións que se presenten a concurso, e sumar as súas puntuacións ás do xurado. Haberá 6 modalidades, e a mellor creación en cada unha recibirá un cheque de 100 euros a canxear no comercio e hostalería locais. O prazo para presentar as solicitudes de participación ábrese hoxe, 1 de decembro, e conclúe o día 15 (incluído). 

Máis polo miúdo, as modalidades propostas son, para o tecido empresarial, decoración no exterior; decoración de escaparate, e decoración no interior do local. Ademais, para a veciñanza, as categorías son: decoración de balcón, porta ou fiestra; decoración de fachada ou peche exterior, e decoración de xardíns. Cada participante poderá concorrer a unha ou varias categorías, e deberá presentar a ficha de inscrición -dispoñible na web municipal- a través da sede electrónica municipal; na casa da cultura os días laborables de 10:00 a 13:00 horas, ou a través do correo culturavaldovino@gmail.com. As decoracións deberán estar dispoñibles o 17 de decembro, e deberán remitir 2 imaxes (unha diurna e outra nocturna) ao correo sinalado ou whatsapp de Cultura: 645 305 229. 

O xurado visitará os emprazamentos o 20 de decembro, e o día antes ás 12:00 horas, abrirá o prazo para a votación popular en redes -ata o día 20 ás 14:00 h-. Na xornada do 21, daranse a coñecer as decoracións gañadoras. 

Na web municipal pódense consultar as bases e descargar os ficheiros de inscrición.

BASES CONCURSO DECORACIÓN NADAL 2023 GAL

ANEXO I CONCURSO DECORACIÓN 2023