O Concello de Valdoviño convoca o II Certame de Pintura Rápida ó Aire libre

Organizado pola Concellería de Cultura, repartirá 2.150 euros en premios

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da convocatoria da II edición do Certame de Pintura Rápida ó Aire Libre Concello de Valdoviño. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que así o desexen e celebrarase o sábado 28 de agosto. O estilo e técnica serán libres, e a súa temática xirará en torno á paisaxe, o espazo físico e as súas xentes e costumes.

Será a segunda edición dun certame que, en 2018, gañaba Manuel Carballeira. Naquel certame, as obras de Raúl Gil e Diego Fernández eran recoñecidas co segundo e terceiro premio respectivamente e Blanca Escrigas recibía o galardón na categoría de mellor obra dos participantes locais.

Cada participante poderá presentar unha soa obra, sen asinar ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado.  Así mesmo, a execución da obra deberá ser “in situ”, diante do motivo ou do  modelo natural, a executar na área delimitada pola organización. Non se  permitirá o uso de fotografías, ordenadores, cámaras, medios ou materiais fotográficos salvo que debido ás inclemencias do tempo así o decida a  organización o mesmo día do concurso. Así mesmo, a zona para pintar no certame comunicarase a partir do 2 de agosto e, de existir lugares concretos para pintar nesa zona determinados polo Concello, darase traslado ás persoas participantes o mesmo día do certame.

As inscricións poderán realizarse a través do correo electrónico cultura@concellodevaldovino.com e na Casa da Cultura (de luns a venres de 10 a 14 h exceptuando os festivos) dende o vindeiro luns 2 de agosto ata o 22 do mesmo mes incluído. Ademais, a ficha de inscrición poderá descargarse da web municipal, dos códigos QR dos tótems de Cultura instalados nas inmediacións da casa consistorial e centro cultural, ou neste último no horario citado.

Así mesmo, haberá unha categoría especial para os participantes locais, que tamén optan a calquera dos outros premios, aínda que ambos non son  acumulativos. Nesta edición, establécese tamén o premio Mocidade do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, no que os participantes deberán acreditar a súa vinculación con calquera dos municipios que o integran e ter entre 18 e 30 anos incluídos.

O tempo para presentar as obras finalizadas será das 16,30 ás 17,30 h (no parque da Frouxeira, onde permanecerán expostos, ou na Casa da Cultura en caso de que o tempo non permita o primeiro escenario), namentras que o ditame do xurado darase a coñecer ás 18,30 horas, celebrándose  posteriormente a entrega de premios. Son estes: para o primeiro clasificado: 1000 euros e diploma; para o segundo: 500 euros e diploma, e para o terceiro,  300 euros e diploma. O premio para o artista local será de 200 euros e diploma e para o premio Mocidade, de 150 euros. As bases poden consultarse na web municipal.