O Concello de Valdoviño convoca axudas de entre 1.500 e 3.000 euros para autónomos e microempresas afectadas pola crise da covid
O alcalde, Alberto González, sinala que o prazo de solicitude abrirase este xoves
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de convocar a liña de axudas para traballadores autónomos e microempresas do municipio afectadas pola crise xerada pola covid-19. Unha convocatoria que conta cun orzamento de 85.997,47 euros cofinanciado por Deputación provincial e Concello ao 80 e 20% respectivamente, e que se inclúe no Plan de Emprego Local PEL-Reactiva.
Así, as axudas constan dun pago único que oscila entre os 1.500 e os 3.000 euros. O prazo de solicitude abrirase mañá xoves, ata o día 25 de novembro ás 14 horas, e poderase tramitar a través da sede electrónica.
Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da Covid-19, compra e instalación de mamparas, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes.
En todo caso, están dirixidas a persoas traballadoras autónomas e microempresas que se visen afectados polo peche; a aquelas cuxa facturación no segundo trimestre de 2020 se vise reducida polo menos nun 75% en relación ao semestre anterior á declaración do estado de alarma ou ben que se visen na obriga de acollerse a un ERTE.
Así, a axuda será de 1.500 para traballadores por conta propia ou autónomos sen traballadores a cargo. En caso de autónomos con traballadores a cargo e microempresas as cuantías estipuladas son de 2.000 euros (un traballador a cargo), 2.500 euros (entre 2 e 5) e 3.000 euros (entre 6 e 9).
As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.
Nesta liña, González explicou que esta liña de axudas si permite acollerse a outras convocatorias de subvencións, polo que considera que serán beneficiosas para os potenciais solicitantes. Liña de axudas que se sumará ás iniciativas propias postas en marcha polo Concello. Entre elas, e no ámbito fiscal, paralizar o cobro do recibo do imposto de vehículos de tracción mecánica (rodaxe); establecer, dacordo con Viaqua, medidas excepcionais en relación ao servizo da auga (entre elas, non cobrar o consumido dende o 13 de marzo aos negocios que pechasen a partir desa data, ampliar o periodo de pago voluntario ou suspender os cortes no subministro por impagos); aprobar exencións no recibo do servizo de recollida do lixo para aquelas empresas e traballadores/as autónomos/as que se visen obrigados ao peche ou cese de actividade, ou mermada a súa actividade ou produción nun 70% a raíz do estado de alarma imposto polo COVID-19, ou activar o Plan Mellora de formación e acceso ao emprego.
.