O Concello de Valdoviño convoca as axudas municipais para material e transporte escolar
Teñen por obxecto compensar ás familias que, polas súas condicións económicas, teñen máis dificultades para afrontar os gastos derivados da escolarización
Valdoviño, 18 de xuño de 2024. O Concello de Valdoviño abre mañá mércores, 19 de xuño, o prazo de presentación de solicitudes para as axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e para o transporte. O Boletín Oficial da Provincia publicaba hoxe a convocatoria das bolsas, co que comeza a contar o prazo de 30 días naturais para formalizar o trámite ben no rexistro xeral da casa consistorial ben telematicamente.
A liña de axudas para a adquisición de material escolar está dirixida a pais, nais, titores/as ou familias acolledoras de nenos/as e rapaces de ata 23 anos con escolarización nos niveis de Infantil, Primaria ou Secundaria de Valdoviño ou Bacharelato e FP en centros públicos dos concellos próximos ou Universidade.
Respecto ás subvencións para o transporte escolar, están destinadas a familias con menores cursando Bacharelato ou FP, e persoas maiores de idade (ata 23 anos tamén) matriculadas na ensinanza universitaria.
Entre os requisitos esixidos, as persoas solicitantes deben estar empadroadas en Valdoviño, estar ao día nas obrigas tributarias, e non superar os límites nos ingresos económicos establecidos.
As bases da convocatoria poden consultarse no BOP de hoxe ou páxina web municipal.