O Concello de Valdoviño convida aos veciños e veciñas maiores de 55 a participar nos obradoiros gratuítos de musicoterapia
Abre inscricións no programa, que baixo o título “Ponlle ritmo á vida”, levará a cabo nos locais sociais de Pantín, Sequeiro e Vilaboa
Valdoviño, 18 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño poñerá en marcha a partir da primeira semana de outubro unha nova edición do programa «Ponlle ritmo á vida», os obradoiros de musicoterapia para veciños e veciñas maiores de 55 anos. Son gratuítos, e no día de hoxe, abre inscricións. Tan só hai que chamar ao departamento municipal de Servizos Sociais 981 48 70 41 extensión 5 ou enviar un correo electrónico ao enderezo servizos.sociais@concellodevaldovino.com
O programa levarase a cabo nos locais sociais de Sequeiro os luns ás 18:30 horas; de Vilaboa os mércores ás 17:30 horas, e de Pantín, os xoves ás 18:30 horas. Celebraranse sesións semanais dunha hora e media de duración, que guiará Afal Ferrolterra.
Esta proposta aúna música e animación teatral, e a mistura dará lugar a un espazo onde manifestar sentimentos, emocións ou simplemente, divertirse, e inconscientemente, traballar unha serie de aspectos fundamentais como a comunicación, a cooperación, a memoria, a atención, as habilidades sociais, a integración, etc.
Así, nas sesións traballarase a tres niveis:
-Cognitivo: a música estimula a memoria a curto e longo prazo e, por tanto, axuda á aprendizaxe, mellora a orientación na realidade, aumenta a capacidade de atención e concentración, e mantén ou mellora as habilidades verbais e de comunicación.
-Físico: Reforza a estimulación sensorial e mellora a coordinación do sistema neuromotriz. Así, axuda a manter a mobilidade das articulacións e aumenta a forza do músculo. Tamén promove a relaxación, reduce a axitación, e diminúe os niveis de ansiedade.
-Emocional: A expresión emocional axuda a identificar e compartir sentimentos, aumenta a interacción e comunicación social, reduce e prevén o illamento, e mellora as habilidades sociais e a autoestima.