O Concello de Valdoviño convida á veciñanza á proxección do documental “Lévame a idea”

O pase da cinta, un tributo ás creadoras e divulgadoras da música tradicional galega, celebrarase este venres ás 20:00 h no auditorio da casa da cultura

Valdoviño, 5 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño participa do programa «Outono das Artes» que impulsa a Deputación da Coruña acollendo unha das proxeccións do documental «Lévame a idea», unha homenaxe ás mulleres, protagonistas na creación, transmisión e divulgación da música de tradición oral e da poesía popular galegas. O pase terá lugar este venres 7 de novembro ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura. A entrada é de balde, e libre ata completar aforo.

A cooperativa galega «Navíos e Folerpas» asina este documental, co que se quere facer un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música tradicional galega. Unha peza documental de Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso que reivindica cunha óptica feminista o papel fundamental das mulleres na preservación da poesía, o canto e a cultura popular de Galicia, piar esencial da nosa identidade colectiva. A transmisión oral das letras e músicas que nos vertebran como pobo está presente nas achegas que saen de distintos eidos vencellados ao mundo do tradicional.