O Concello de Valdoviño convida a emprendedores, autónomos e pemes a participar no seu VI Mercado Ecolóxico

A edición especial San Xoán celebrarase o 21 de xuño na Porta do Sol

Valdoviño, 20 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño convida ás persoas emprendedoras e pequenas e medianas empresas a participar na VI edición do Mercado Ecolóxico, edición especial San Xoán, que se celebrará o próximo 21 de xuño na Porta do Sol de 12:00 a 20:30 horas.

A convocatoria que lanza a Administración local está dirixida a produtores, persoas autónomas e pemes adicadas ao sector agrario, artesáns ou calquera outro vinculado ao consumo responsable, que conten coas autorizacións pertinentes para desenvolver a súa actividade, e estean interesados/as en comercializar os seus produtos na cita.

Nese caso, dende xa e antes do próximo 30 de maio, deberán formular a súa petición de participación a través do correo electrónico info@totemgestion.com sinalando os datos básicos (nome, actividade, teléfono de contacto). Entre todas as solicitudes presentadas realizarase unha selección en función das características que máis se adapten ao tipo de mercado que se vai mostrar.