O Concello de Valdoviño convida á cidadanía á inauguración da exposición fotográfica “Galegos en Mauthausen”

Celebrarase este venres ás 19:00 horas na casa da cultura

Valdoviño, 14 de outubro do 2026. O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a asistir este venres 16 de outubro ao acto de inauguración da exposición fotográfica “Galegos en Mauthausen”, que promove a Asociación cultural Memoria Histórica Democrática. Dará comezo ás 19:00 horas na sala de exposicións temporais da casa da cultura, con entrada de balde, e tras a presentación, haberá unha visita guiada que concluirá cunha breve proxección.

A mostra reúne fotografías e documentos que amosan as extremas condicións que padeceron os españois presos no campo nazi de exterminio. A partir deste venres, a exposición poderá visitarse de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e programaranse varias visitas guiadas das que se informará previamente.

A mostra inclúese no programa de Actividades de Recuperación da Memoria Democrática, que cofinancia a Deputación da Coruña.