O Concello de Valdoviño conclúe as obras para ampliar aos lugares de Fornos, Pallotas e A Gándara o servizo de saneamento
Veciños e veciñas poden solicitar a Viaqua a conexión ao servizo
Valdoviño, 27 de febreiro do 2025. O Concello de Valdoviño daba esta semana o último paso para a posta en funcionamento da estación de bombeo da Cubeta, en Meirás. Unha infraestrutura que permitirá ampliar o acceso ao servizo de saneamento dos lugares de Fornos, Pallotas e A Gándara. Así, a Administración local procedía á instalación das bombas, conectaba o circuito á rede eléctrica e realizaba as primeiras probas, constatándose o seu correcto funcionamento. Esta última intervención, na que o Concello investiu 42.000 euros, completa a actuación, proxectada xa na pasada lexislatura, e retrasada durante tempo pola falla de autorización por parte de Naturgy para levar a cabo a repotenciación do tendido na zona.
Dende a Administración local, lémbrase aos propietarios das vivendas dos lugares de Fornos, Pallotas e A Gándara que xa poden solicitar a través de Viaqua a conexión ao servizo.