O Concello de Valdoviño conclúe a construción do rocódromo deseñado polo alumnado do CPI Atios
Luce un extraordinario mural asinado polo antiguo alumno do centro e hoxe estudante de Belas Artes, Martín Núñez
Valdoviño, 10 de maio de 2022. Hai 2 anos, o Concello de Valdoviño e o CPI Atios lanzaban un reto ao alumnado: redeseñar os patios do centro educativo. Para iso, e nunha fase previa, o Concello convidaba a nenos/as e mozos/as a desfrutar estes espazos máis aló das formas habituais, nas que a práctica do fútbol reinaba. Facíao a través de dinámicas como sorprender aos estudantes colocando deceas de cadeiras nas pistas, gomas nas porterías ou grandes caixas nas zonas de paso. Experimentaron e fixeron as súas propostas. Os máis novos a través de debuxos e os maiores con propostas escritas. Convertéronse así nos arquitectos e arquitectas dos patios.
Esas propostas leváronse a planos, e o Concello de Valdoviño iniciaba a primeira intervención: cun investimento de 12.000 euros ampliaba a área de xogos de Infantil, instalaba céspede artificial, fundía o acceso de entrada e instalaba un novo portalón. Estes días, vén de concluír a segunda actuación planteada polo alumnado: a construción dun rocódromo. Para iso, foi preciso demoler os antigos vestiarios anexos ao pavillón, acondicionar a zona, instalar chan de caucho e pintar unha das fachadas do inmoble deportivo. Uns traballos que se completaron con melloras no acceso. En suma, investíronse 46.000 euros.
Ademais, o rocódromo veu acompañado dunha fermosa obra artística que asina Martín Núñez, antigo alumno do Atios e hoxe estudante de Belas Artes. Autor doutras creacións de arte urbana no municipio, entre as que destaca a súa versión do Guernica no paseo da Frouxeira, nesta ocasión a súa inspiración foi o territorio e a obra do artista xaponés Katsushika Hokusai. Reinterpreta no Atios unha das súas creacións substituíndo, iso si, o monte Fuji polo Faro da Frouxeira, e logrando a súa vinculación co municipio. Estes días, o alcalde, Alberto González, xunto ao director do centro, Antonio Cebreiro, o concelleiro de Servizos Benito Vega e o propio artista, inauguraban a obra.