O Concello de Valdoviño conclúe a campaña de trampeo primaveral contra a velutina

A instalación das trampas foi realizada pola Agrupación de Protección Civil

O Concello de Valdoviño vén de completar a campaña de trampeo primaveral contra a vespa velutina. Uns traballos que correron por conta da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil cos que tentar reducir e evitar a propagación da velutina no municipio nun momento adecuado para atraer ás raíñas ás trampas que se instalaron en parques, inmediacións de instalacións públicas e centros educativos. En total, medio centenar.

Nesta liña, o xefe de Protección Civil, Francisco Dopico, lembraba a importancia «de que a xente tamén colabore no trampeo, instalando trampas na contorna das súas vivendas».

A partir da instalación das trampas, os integrantes de Protección Civil revisarán periodicamente o seu efecto e, máis adiante, substituiranse trampas e líquido  por outro tipo que favoreza non só a atracción das raíñas, senón das vespas en  xeral.

Así mesmo, o concelleiro de Servizos, Benito Vega, engadiu que os niños que se ven a día de hoxe en árbores están inactivos, xa que se anularon pero non foi posible a súa retirada.

Por último, apuntan que a velutina ten nas especies arbóreas e plantas de orixe  asiática un foco de atracción importante, o que nesta zona é habitual con  especies coma camelias.