O Concello de Valdoviño completa as obras de accesibilidade no auditorio da casa da cultura

O alcalde, Alberto González, informa da conclusión dos traballos para a renovación do escenario e instalación dunha plataforma elevadora que permite o seu acceso por parte de persoas con mobilidade reducida

Valdoviño, 30 de outubro do 2024. O Concello de Valdoviño completaba estes días as obras de mellora da accesibilidade do auditorio da casa da cultura. Instalábase a plataforma elevadora que permitirá o acceso ao escenario a persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas, derribando así o principal obstáculo que quedaba para facer deste un espazo inclusivo. Tal e como explicaba o alcalde, Alberto González, o Concello aproveitou a intervención para realizar outros traballos de acondicionamento no auditorio, como a renovación do propio escenario e da instalación eléctrica. A empresa local Óscar Sedes encargouse da execución, e a Administración local investiu preto de 40.000 euros que cofinanciou xunto coa Xunta, a través dunha axuda concedida pola Vicepresidencia primeira.

Así mesmo, o rexedor explicou que se procedeu tamén á reparación do falso teito de escaiola, tamén moi deteriorado polo paso do tempo, e a intención do Concello é dar continuidade aos traballos coa renovación do tapizado das preto de 200 butacas do auditorio. Para isto, solicitará o apoio da Administración autonómica a través da próxima convocatoria da liña de axudas.

O auditorio sitúase na casa da cultura, un edificio do Premio Nacional de Arquitectura Manuel Gallego Jorreto inaugurado na década dos 80. O seu uso continuo ao longo destes anos derivou nun desgaste evidente en determinados espazos. Así, nos últimos anos, leváronse a cabo diferentes intervencións de mantenemento ou acondicionamento como a mellora do illamento substituíndo as carpinterías de aluminio de vidro sinxelo, que favorecían as filtracións de auga e entrada de aire, por outras de mellores prestacións técnicas; a reforma da primeira e segunda planta, ampliando o espazo da biblioteca e dando cabida ao museo do surf; o acondicionamento do almacén sito no soto para dotalo de maior accesibilidade; ou a substitución da porta de emerxencia situada no lateral do auditorio. No seu conxunto, o investimento superou os 250.000 euros.