O Concello de Valdoviño celebrará o Samaín este domingo con música e contacontos no igresario vello de Loira
Aberto o prazo para retirar invitacións para participar na programación
Valdoviño, 25 de outubro de 2021. O Concello de Valdoviño recupera este ano a celebración do Samaín no igresario vello de Loira con dúas propostas culturais para desfrute de nenos e maiores. Unha contorna máxica que acollerá este domingo a partir das 17,30 h o espectáculo «Vaia circo» con Odaiko Percusión e o contacontos de Caxoto «Que morro!!!» ás 19,30 h. Iso si, en caso de choiva, as actividades trasladaríanse á Casa da Cultura. Con participación gratuíta, é preciso retirar invitación a partir de hoxe e ata completar aforo na Casa da Cultura (en horario de 10 a 14 h e de 16 a 20 h).
Así, Odaiko trae a Valdoviño «Vaia circo». Como se dun «circo desastre» se tratase, Odaiko monta o seu propio espazo circense, no que os elementos percusivos van ser os materiais que empreguen para as súas acrobacias. Baquetas voando, tambores usados como apetrechos de circo, instrumentos manufacturados e música do máis virtuosa en directo, serán os elementos que farán deste «circo» un espectáculo para que o público esperte o enxeño e se achegue ao fermoso mundo do espectáculo «cirpercutense».
Dirixido xa a un público adulto, Felipe Díaz, máis coñecido como “Caxoto”, presenta o contacontos «Que morro!!!», na que a morte deixa de ser unha inquedanza, un medo ou un final. A través das historias que forman este espectáculo, fai un repaso polos distintos significados que a morte ten na nosa cultura. Así, durante 60 minutos pódense deixar os malos agoiros a un lado para poder enfrontarse coa morte de igual a igual. Sen perderlle o respecto, pero cun sorriso nos beizos. Quen sabe, igual ata se descubre que hai de verdade na expresión “morrer de risa”.
As actividades inclúesen na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.