O Concello de Valdoviño celebrará o Entroido cunha gran festa infantil e unha nova edición do Festival de Comparsas
Cultura avanza a programación prevista para os sábados 18 e 25 de febreiro
Valdoviño, 1 de febreiro do 2023. Valdoviño retoma este ano con máis ganas que nunca a celebración da festa do Entroido, e tras uns anos de parón pola pandemia, que impuxo accións sobre todo a través das redes, neste 2023 recuperará o seu tradicional Festival de Comparsas.
Así, o Concello avanzaba esta mañá a programación prevista, que arrancará o sábado 18 de febreiro co XI Encontro no Entroido Infantil. Unha gran festa dirixida ás familias con nenos e nenas pequenos, que esta edición estará centrada no marabilloso mundo do circo. Celebrarase de novo no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, con entrada libre e gratuíta, de 17:00 a 20:00 horas. Como é tradición, haberá música, atraccións, diferentes talleres e moitos, moitos xogos.
Ao sábado seguinte, 25 de febreiro, o municipio acollerá a XXIII edición do Festival de Entroido Concello de Valdoviño. Pendente de abrir plazo de inscrición, o Concello avanza que o guion será o doutros anos, con pasarrúas a partir das 17:30 horas dende a casa consistorial, e a posteriori, gran actuación das comparsas na Casa da Cultura. Nas próximas xornadas informarase dos plazos de presentación de solicitudes para tomar parte na cita.