O Concello de Valdoviño celebrará este sábado o XXIII Festival de Comparsas coa participación de sete formacións
A cita arrancará ás 17:30 horas cun pasarrúas dende a casa consistorial
Valdoviño, 22 de febreiro do 2023. Valdoviño acollerá este sábado o seu Festival de Comparsas. Unha celebración con longa tradición no municipio que, neste 2023 e tras anos de parón pola pandemia, alcanzará a súa XXIII edición. Tras pechar este luns o prazo para sumarse ao certame, serán sete as comparsas que participen na cita. Por este orde subiranse ao escenario que o Concello habilitará no anfiteatro da Casa da Cultura: Os Colludos (Ferrol), Os Argalleiros (Narón), A Canteira (Neda), Tróupele Tróupele (Narón), A Xoaniña de Chao (Ferrol-Narón), Semente de Trasancos (Narón) e Os Faranduleiros (Valdoviño).
Todas as comparsas, xunto aos tres grupos de disfraces anotados -baixo os nomes Galería de Arte, Valdoviño Sessions Vol.53 e Vikingos-, tomarán parte nun pasarrúas dende a casa consistorial co que, a partir das 17:30 horas, arrancará a cita. No mesmo tamén estará presente o grupo de batukada da Asociación Valdoviño Cultura Extrema, sumando ambientación musical á cita.
Chegados á Casa da Cultura, arrancará o festival, conducido este ano polo grupo de teatro Ghazafelhos.
A cita repartirá 3.450 euros en axudas á participación para todas as comparsas e máis vales canxeables na hostalería e comercio locais para as dúas mellores e tamén na categoría de grupos.
Cada comparsa interpretará ante o público un máximo de dúas cancións ou parodias ou ben, unha parodia e unha canción. Así mesmo, polo menos unha delas terá que estar escrita e interpretada en linga galega e unha delas xirar en torno a Valdoviño.
O xurado valorará, entre outros aspectos, a orixinalidade e vistosidade do disfrace, a posta en escena, as letras das cancións ou parodias, a simpatía e a animación de rúa que realice o grupo participante.