O Concello de Valdoviño celebrará a súa VII Gala do Deporte o venres na casa da cultura

Recoñecerá os méritos de 22 deportistas e concederá ata 9 mencións especiais, que se coñecerán no transcurso da cita

Valdoviño, 19 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño celebrará este venres 22 de maio a sétima edición da súa Gala do Deporte. A gran festa coa que se recoñecen anualmente os méritos, logros, trunfos e, sobre todo, valores dos deportistas e das deportistas locais ao longo da última tempada comezará ás 20:00 horas no auditorio da casa da cultura.

Son os clubs, federacións e os propios veciños e veciñas as encargadas de presentar as candidaturas, e a partir de aí, o xurado entra en xogo. Un xurado integrado por xornalistas deportivos en contacto co día a día daqueles e daquelas que valorarán, e que este ano estivo integrado por Elba de la Barrera (La Voz de Galicia); Juan Quijano (Diario de Ferrol); Adán Puentes (Galicia Ártabra Digital), Juan Galego (Televisión de Ferrol) e Raúl Salgado (Cadena Ser), que execerá un ano máis de condutor da gala. Xunto a eles, o técnico de deportes, que actúa como secretario, con voz pero sen voto.

Así, serán 22 os deportistas e deportistas recoñecidos nesta gala, pertencentes a 15 disciplinas deportivas. Así mesmo, concederanse tamén 9 mencións especiais, e como é costume, a gala concluirá co anuncio do Mellor ou da Mellor Deportista local.

Unha distinción que na última edición compartiron Nerea Penabad e Lidia Vellón, campioas do mundo de danza coreográfica; tomando o relevo de compañeiros como o arqueiro Adrián Orjales (V gala); o xogador de básket Miguel Romero (IV gala) e a xogadora de balonmán Alicia Fernández (I, II e III galas).