O Concello de Valdoviño celebra xunto ao alumnado dos coles o Día Internacional da Música cun ciclo de concertos
A Concellería de Cultura deseñou un cartel que inclúe catro espectáculos esta semana no auditorio e Aula da Natureza
Valdoviño, 20 de novembro de 2023. Coa vista posta na celebración este mércores do Día Internacional da Música, a Concellería de Cultura organiza ao longo desta semana un ciclo de concertos para o alumnado dos coles de Valdoviño.
Arrancará este martes no auditorio municipal, cos cursos de Infantil e Primaria do CPI Atios e escolas unitarias do CRA O Esquío. Todos eles e elas están convidados ao espectáculo de Migallas Teatro “Cantaxoga”, que chega ao noso municipio co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O ciclo trasladarase o mércores 22 ás instalacións da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Alí, a compañía A Cova das Letras ofrecerá a súa función “Son no berce” para os máis pequenos e pequenas da casa.
Así mesmo, o xoves 23, o ciclo regresará ao auditorio co concerto “Onda sonora” do rapeiro galego García MC. Tamén co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña, a súa proposta está dirixida ao alumnado dos cursos da ESO do CPI Atios. E pechando o ciclo, o Concello convida aos/as estudantes dos últimos cursos de Primaria do CPI Atios ao recital “Musiclasiconto” con Ensamble Iulius XIII, tamén no auditorio.