O Concello de Valdoviño celebra o Día do Libro agasallando lecturas durante todo o mes

Volve apostar por regalar aqueles títulos resultantes dos procesos de expurgo da biblioteca municipal

Valdoviño, 9 de abril do 2026. O Concello de Valdoviño agasalla á veciñanza con libros. É unha das iniciativas incluídas na programación deseñada pola Concellería de Cultura para conmemorar o Día do Libro e o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Así, dende esta semana, o hall da casa da cultura conta cunha zona expositora cunha selección de títulos de moi diversos xéneros, autores, temáticas… e para moi diversos públicos. No horario habitual de apertura do centro, de luns a venres de 10 a 14 h e de 16 a 20 h, veciños e veciñas poden achegarse e botar unha ollada, seleccionando se é o caso a publicación que lle interese e levándoa para a casa.

Os libros proceden dos procesos de expurgo levados a cabo na biblioteca, e a medida que a cidadanía vaia retirando obras, iranse renovando títulos.