O Concello de Valdoviño celebra o Día das Letras Galegas convidando aos escolares a unha programación cultural especial

O alumnado de Primaria asistirá este xoves á función “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” con Fantoches Baj, e o de Secundaria, o venres á representación de “A parábola do angazo” a cargo de Talía Teatro
Valdoviño, 17 de maio do 2023. Con motivo do Día das Letras Galegas, adicado este ano a Francisco Fernández del Riego, o Concello de Valdoviño convidará aos escolares á representación das obras «A viaxe feliz de Ramón Sanfiz» e «A parábola do angazo».
A primeira función terá lugar mañá para os cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria do CPI Atios, e chega ao noso municipio co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. A través da obra «Galicia», de Francisco Fernández del Riego, a compañía Fantoches Baj convidará ao alumnado a acompañar a Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da Mariña lucense, na súa viaxe dende a súa vila natal ata San Andrés de Teixido, engarzando as diferentes historias que aprendeu dos habitantes que se foi atopando polo camiño. Un espectáculo de narración oral e monicreques.
O venres, os grupos da ESO do cole poderán desfrutar da obra «A parábola do angazo» de Talía Teatro. Unha peza incluída na programación cultural municipal do pasado ano que contou cunha moi boa acollida. Unha comedia sobre as linguas cunha ollada ao pasado que traerá unha nova perspectiva do presente.
Ambas citas darán continuidade á programación deseñada polo Concello para celebrar o Día das Letras Galegas, e que incluíu os concertos, o pasado domingo, da agrupación DalleKeDalle de Valdoviño Cultura Extrema e do grupo de música tradicional Encrucillada.
Así mesmo, e ata finais de mes, todos os veciños e veciñas que acudan á Biblioteca Municipal poderán levar para a casa algunha das publicacións dos fondos descatalogados dispostas nunha estantería á entrada das instalacións.