O Concello de Valdoviño celebra este venres o acto de presentación do calendario 2025, deseñado coas imaxes dos veciños e veciñas
Dará comezo ás 20:30 h no auditorio municipal da casa da cultura, amenizado cos momentos musicais de Paty Lesta e Cristian Leggiero
Valdoviño, 16 de decembro do 2024. O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a asistir este venres 20 de decembro á presentación do calendario municipal de 2025. O acto dará comezo ás 20:30 horas no auditorio municipal, e nel, poderemos desfrutar de diferentes momentos musicais coa profunda voz de Paty Lesta e a maestría de Cristian Leggiero ao piano.
Unha a unha, descubriranse as imaxes que ilustran cada mes do almanaque, e que foron elixidas entre as preto de 150 presentadas polos veciños e veciñas ao certame convocado pola Concellería de Cultura. Ademais, ao remate do acto, o público asistente recibirá un dos calendarios, que o Concello comezará a repartir gratuítamente a partir do luns 23 de decembro entre o movemento asociativo, e tamén, entre a cidadanía que o solicite tanto na casa consistorial como na casa da cultura. En total, editáronse uns 3.000 exemplares.