O Concello de Valdoviño celebra este sábado o seu 24º Festival de Entroido co concurso de 6 comparsas da comarca

Dará comezo cun desfile previo a partir das 17:30 horas dende a casa consistorial, no que se anima á veciñanza a tomar parte activa

Valdoviño, 14 de febreiro de 2024. Valdoviño celebrará este sábado 17 de febreiro a 24º edición do seu Festival de Entroido. Tras pecharse o prazo de inscrición, finalmente 6 comparsas subiranse ao escenario que se instalará baixo carpa no anfiteatro da casa da cultura. Alí, o público poderá seguir as súas actuacións tras o pasarrúas co que se inaugura a cita, e que partirá da casa consistorial ás 17:30 horas. Dende 30 minutos antes, as persoas que desexen participar no concurso na categoría individual aínda estarán a tempo de anotarse in situ.

Así, das comparsas participantes, a metade son locais: Os Barallocas, Os Faros do CRA e Faranduleiros, namentras que outras 3 proceden doutras localidades da comarca: Os Colludos (Ferrol), As Xoaniñas de Chao (Narón) e Os Scratchados (Fene). Todas elas recibirán unha gratificación de 300 euros por participar, e competirán por facerse co premio á mellor comparsa (500 euros) e ao Accésit ao Mellor Carnaval. Xunto a elas, participarán na celebración 4 grupos: «Súper Mario Kart Deluxe», «As Caralletas», «Leite con Galletas» e «Chorlitejos»; 1 grupo pequeno (3-4 integrantes): «Retratos», e 2 parellas: «Irmáns Ioda» e «As pequenas bolboretas».

Este ano, dende a Concellería de Cultura faise un chamamento especial para que veciños e veciñas se sumen ao desfile cos seus disfraces e participen activamente no pasarrúas previo ao festival.