O Concello de Valdoviño busca voluntarios para utilizar o colector marrón, que recibirán a chave para a apertura dos novos bidóns
O concelleiro de Servizos, Benito Vega, informou da súa instalación durante a próxima semana, e animou á veciñanza a sumarse ao proxecto
Valdoviño, 17 de decembro do 2022. O Concello de Valdoviño presentaba hoxe a campaña sobre o uso dos colectores marróns «Ti tes a chave». Facío no Feirón mensual, punto moi concorrido durante a mañá, instalando un punto informativo onde facilitaba trípticos e material divulgativo sobre a iniciativa. Os concelleiros de Servizos, Benito Vega, e Obras, Germán Gómez, explicaban que nos próximos días a nova empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos instalará nas rúas os contedores marróns -para o depósito de restos orgánicos-, e en paralelo, o Concello buscará a complicidade da veciñanza sumándose ao voluntariado marrón. Para iso, Vega avanzou que poderán apuntarse a través da web municipal, dos códigos QR impresos nos contedores ou chamando ao Concello -981 48 70 41-. A Administración local entregará ás persoas inscritas as chaves que abren eses novos bidóns, así como o kit de voluntario/a. Este estará integrado por un caldeiro marrón e bolsas de compostaxe para os primeiros usos. Ademais, a campaña tamén está aberta a bares, restaurantes, froitarías, panadarías, peixarías… ou calquera establecemento que produza materia orgánica.
Todos os restos que se depositen nos colectores marróns levaranse a unha planta especializada de tratamento de residuos onde serán convertidos en compost para empregar como fertilizante natural. Un proceso cunhas vantaxes evidentes, xa que se activa a economía circular, decrecen as emisións de CO2, e diminúese a contaminación do solo, dos leitos e dos acuíferos.