O Concello de Valdoviño aproba unha declaración institucional a favor dun tren do século XXI para Ferrolterra, Eume e Ortegal
Por unanimidade, a corporación adheríase no último pleno ao documento trasladado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol
Valdoviño, 10 de novembro do 2025. Por unanimidade, o Concello de Valdoviño aprobaba no último pleno unha declaración institucional a favor dun tren do século XXI para Ferrolterra, Eume e Ortegal. O texto fora aprobado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, na que se integra Valdoviño, co compromiso de remitilo aos municipios para a súa adhesión. No documento, que pode consultarse integramente na web municipal, ínstase ao Goberno do Estado a restituír de maneira inmediata as frecuencias e horarios entre Ferrol e A Coruña que existían ata o 9 de xuño, incluíndo a relación directa con Madrid e o incremento das frecuencias entre Ferrol e A Coruña para cumprir as necesidades de mobilidade da cidadanía. Isto conlevaría aumentar o número de unidades para poder realizar un servizo ferroviario eficaz e eficiente.
Ademais, solicítase tamén o inicio neste 2025 dun estudo informativo para a modernización da infraestrutura ferroviaria entre Ferrol- Betanzos Infesta-A Coruña para que sexa unha liña do século XXI, que permita a integración da comarca de Ferrol co resto da rede ferroviaria galega e co exterior, onde se contemple a rectificación de curvas, renovación de túneles, duplicación de vía, electrificación, puntos de cruzamento para mercadorías de 750 m como esixe a UE e a súa inclusión no Corredor Atlántico tanto de viaxeiros como de mercadorías. Dito investimento ten que supoñer unha redución considerable dos tempos de viaxe para que sexan competitivos con outros modos de transporte e o vehículo privado.
Tamén neste 2025 reclámase do Goberno do Estado a resolución das alegacións ao proxecto de construción do bypass de Betanzos Infesta e o inicio da redacción do proxecto.
Outra das reivindicacións ao Goberno do Estado pasa por mellorar e modernizar a infraestrutura e servizos de proximidade entre Ferrol e Ortigueira, ao considerar que o tren de vía estreita non pode continuar cun proceso de degradación progresiva dado que é vital para a vertebración de todo o Norte de Galicia entre Ferrol e Ribadeo.
Ademais, ínstase ao Goberno do Estado á creación dun servizo de proximidade ferroviario entre Ferrol e A Coruña. Con esta medida facilitaríase a vertebración dun espazo urbano onde residen mais de 600.000 persoas, permitindo unha mobilidade sostible, creando unha auténtica alternativa de transporte.
INTERMODALIDADE
Doutra banda, o documento insta ao Goberno do Estado á intermodalidade dos diferentes modos de transporte. Crear unha rede de transporte comarcal onde estean incluídos todos os modos de transporte colectivos existentes (trens de proximidade, trens rexionais, autobuses urbanos e interurbanos, taxis) con horarios e tarifas integradas. Segundo se recolle no texto, esta rede de transporte suporía a transformación das actuais estacións de tren e autobús de Ferrol, nunha única estación intermodal máis moderna e funcional. Por iso é necesario a sinatura este ano 2025 do Convenio de Construción da Estación Intermodal entre ADIF, Xunta de Galicia e Concello de Ferrol e revisar o número de apeadeiros en toda a liña para que poidan cumprir a función de accesibilidade adecuada, mellorando o acceso, e que toda a poboación benefíciese dos mesmos.
Outra das reivindicacións ao Goberno do Estado é a integración do Porto Exterior e Interior na rede ferroviaria moderna. A inclusión do Porto Exterior e Interior na Rede Básica Transeuropea de Transporte (RTE-T) de transporte ferroviario de mercadorías xunto cos tramos Ferrol-Betanzos Infesta-Lugo-Monforte de Lemos para un maior desenvolvemento industrial e económico da comarca.
A declaración insta á Xunta de Galicia a solicitar o traspaso dos medios e servizos de viaxeiros por ferrocarril para a xestión ferroviaria dun verdadeiro Servizo de proximidade á Comunidade como existe noutras autonomías dado que non hai impedimentos legais para iso, o que suporía unha xestión máis próxima tanto para a administración como para a cidadanía. A transferencia das competencias debe incluír previa e necesariamente o compromiso do Goberno central de rematar todas as obras pendentes, o traspaso de material e a financiación necesaria.
Por último, o texto insta ao Goberno do Estado a impulsar as actuacións necesarias para garantir a chegada efectiva da alta velocidade ferroviaria ás cidades de Ferrol e Lugo, asegurando a súa plena integración no Eixo Atlántico de Alta Velocidade.
