O Concello de Valdoviño aproba os investimentos do POS+Adicional Social

A corporación dá luz verde ó destino dos 68.647,54 euros consignados por Deputación para blindar programas en materia de conciliación, emerxencia social ou dependencia e reforzar a plantilla dos Servizos Sociais

Valdoviño, 7 de febreiro de 2022. O Concello aprobou en pleno o destino dos 68.647,54 euros consignados para Valdoviño pola Deputación provincial da Coruña ao abeiro do POS+Adicional Social da Deputación. Unha partida que permitirá blindar os programas sociais da Administración local neste 2022, especialmente en materia de conciliación, emerxencia social, dependencia e formación, así como reforzar o equipo do departamento municipal de Servizos Sociais para mellorar a xestión e atención. 

Ao detalle, os fondos permitirán ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades (libre concorrencia e dependencia), reservando para este fin unha partida de 11.600 euros. Do total, 2.000 euros destinaranse a incrementar os fondos das Axudas de Emerxencia Social para persoas soas ou familias en risco de exclusión social que carezan de medios económicos suficientes para asegurar a cobertura de necesidades báscias de vivenda, alimentación, suministros, educación, gastos medicofarmacéuticos, transporte e outros valorados polo departamento. 

Outros 7.000 euros irán destinados a programas de conciliación da vida familiar e laboral, e 18.000 euros, a outras medidas sociais como realización de cursos de formación dirixidos a persoas usuarias do Plan de Inclusión e Programa municipal de Inclusión Social; convocatoria de medidas de apoio ás familias para a adquisición de material para o estudo e transporte, e contratación de servizo de asesoramento xurídico para persoas e familias usuarias dos servizos sociais en situación de necesidade, entre outras. 

Ademais, a Administración local financiará con 3.600 euros a adquisición de grúas de mobilidade e camas articuladas para persoas en situación de vulnerabilidade e en situación de dependencia. 

Finalmente, o Concello destinará 26.400 euros para a contratación dun/ha auxiliar administrativo co que reforzar o departamento municipal de Servizos Sociais e apoiar así ó equipo actual, facilitando o desenvolvemento dos programas.