O Concello de Valdoviño aproba a delimitación de 38 novos núcleos rurais
O expediente de modificación do planeamento contempla novos núcleos rurais en todas as parroquias do municipio
Valdoviño, 25 de novembro de 2021. Valdoviño pasará de 53 núcleos rurais delimitados a 91. Na práctica, isto implicará que a superficie edificable practicamente se multiplicará por dous. A proposta do equipo de goberno que dirixe Alberto González, a corporación municipal aprobaba hoxe por unanimidade o expediente de modificación do planeamento para incorporar eses 38 novos núcleos, que se reparten por todas as parroquias. Unha aprobación inicial cuxo seguinte paso será a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) para a súa exposición pública por espazo de 2 meses. Tamén se notificará por correo a todas as persoas que figuren como propietarios/as catastrais dos terreos. A partir de aí, a tramitación complementarase coa solicitude dos informes sectoriais pertinentes.
O expediente de delimitación de núcleos rurais remóntase ao ano 2018, cando a proposta do Concello, a Xunta de Galicia incorpora no Plan Básico Autonómico unha serie de asentamentos de poboación susceptibles de delimitarse como núcleos rurais, ampliando así a capacidade para edificar nestes espazos. A partir de aí, as xestións continúan na Deputación provincial da Coruña e o Servizo de Asistencia Técnica aos Municipios procede á súa delimitación. Un traballo codo con codo co arquitecto municipal.
Eses núcleos incorporaranse ao futuro Plan de Ordenación Municipal, hoxe en fase de redacción. En todo caso, para axilizar a súa tramitación, Alberto González explica que se decidiu iniciar este expediente aprobado esta mañá en pleno, de modo que se adiante a súa entrada en vigor.
Os novos núcleos rurais son os seguintes:
Lago: A Bouza da Cabra-Soutullo, Preitela-O Penido, Viansil, O Vilar
Valdoviño: Bacorelle, A Cachaveira, O Chamorro, A Costeira-Gonzalvite, A Mourela, O Pereiro, O Portodoso, A Rocha
Pantín: A Ramalleira, O Xestal
Vilarrube: O Castro-A Escola, As Ferrerías, As Folgueiras, Liñeiro, O Puntal, Quengo
Loira: Candaíl, Crecente, Loiravella, Os Martices, A Rañoa
Vilaboa: Os Bidueiros, O Camiño Grande, O Caneiro, A Carbeira, Pena do Boi, San Pedro, O Seixidal, A Vilaxe, Vilela
Meirás: A Cubeta, O Amedo
Sequeiro: O Seixidal