O Concello de Valdoviño anuncia a apertura de inscricións na IX Volta ás Forcadas

Celebrarase o domingo 14 de xuño a partir das 11:00 horas

Valdoviño, 27 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño avanzaba esta mañá a apertura do prazo de inscricións na IX Volta ás Forcadas, que se celebrará este ano o domingo 14 de xuño a partir das 11:00 horas. Unha edición máis, a cita formará parte do circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña, e permitirá desfrutar dunha contorna única entre as parroquias de Loira e Vilaboa. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicaba que a participación nas diferentes categorías é gratuíta, agás na absoluta, cunha cuota de 3 euros, e a data límite para anotarse é o 9 de xuño, a través do portal Carreiras Galegas da Federación Galega de Atletismo. Neste sentido, confía en reeditar as cifras da pasada edición, cando se batiron todos os records ao superar os 280 corredores e corredoras.

Con esta cita, o Concello aposta por fomentar hábitos de vida saudables, combatindo o sedentarismo e facendo oco á práctica de exercicio físico. De aí que o importante, máis aló dos resultados, sexa a participación. Saída e meta estarán situadas nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín, en Vilaboa, cun percorrido pola contorna natural do encoro das Forcadas, considerado o segundo mar do municipio.

Está dirixida a nenos e nenas e persoas adultas, con distancias a cubrir segundo a categoría. Dende os 100 metros dos biberóns ata os 9 km da asboluta. O Concello quere agradecer a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio de Policía Local e Protección Civil no operativo. O regulamento pode consultarse na web www.carreirasgalegas.com.

REGULAMENTO IX VOLTA AS FORCADAS 2026