O Concello de Valdoviño activa un portal web dirixido á mocidade con contidos centrados na saúde, ocio, cultura e lingua
A concellerías de Cultura e Igualdade impulsan Infomozavaldovino.gal co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Valdoviño, 15 de xaneiro de 2024. Rapaces e rapazas de Valdoviño teñen á súa disposición unha nova páxina web con contidos de interese centrados no ámbito da saúde, ocio, cultura e lingua: infomozavaldovino.gal. Un portal promovido polo Concello a través das concellerías de Igualdade e de Cultura co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cun deseño fresco e unha navegación intuitiva, a páxina estrutúrase en 3 grandes apartados: Corpo e saúde; Cultura a carón do mar, e Experimenta coa lingua.
A primera sección ofrece contidos de interese sobre afectividade e sexualidade; sentimentos e emocións; prevención de drogas; exercicio físico e coidados do corpo, ou alimentación. Cultura a carón do mar recolle toda a información cultural local e aquelas novidades do portal de Xuventude, así como os boletíns de Europa no teu Concello coas oportunidades que ofrece a nivel académico e laboral para a mocidade, e amplos contidos sobre a Rede de Bibliotecas de Galicia, como novidades e recomendacións de títulos. Por último, Experimenta coa lingua propón un percorrido polas apostas máis actuais e atractivas sobre a dinamización do galego, con recursos, retos e concursos ou unha estensa lista de suxestións de música en galego de todos os xéneros e estilos.
Moito contido audiovisual, especialmente vídeos e enlaces, así como documentos e mesmo material elaborado polos propios mozos e mozas do CPI Atios no marco de diferentes programas conforman o grosso dos contidos da nova páxina, que se irá actualizando periodicamente.