O Concello de Valdoviño activa a partir do luns unha nova edición de Concilia Tempos Mañás! no CPI Atios e escolas de Lago e de Taraza
Un total de 58 nenos e nenas tomarán parte no servizo municipal
Valdoviño, 3 de setembro do 2025. Coincidindo co arranque do novo curso escolar, o Concello de Valdoviño activará o programa municipal «Concilia Tempos Mañás!» nos coles da localidade. O servizo consolídase como un recurso de conciliación para as familias, e comezará tempada con 58 nenos e nenas inscritos. Incrementa así a demanda, nunha evolución positiva edición tras edición, e se en 2023 eran 27 os menores participantes, en 2024 a cifra aumentaba ata os 50, rebasándose o medio centenar neste curso.
Por centros, 42 nenos e nenas pertencen ao CPI Atios; 9 á escola unitaria de Lago, e 7 á escola unitaria de Taraza, en Meirás. Con este programa, o Concello facilita a entrada dende as 7:30 horas no primeiro caso e dende as 8:00 horas nas unitarias, axudando a nais e pais a compatibilizar as obrigas laborais co coidado dos seus fillos e fillas. Co financiamento municipal, ten un custe para as familias de 30 euros/mes, e de 20 euros no caso de medio mes.
