O Concello de Valdoviño acollerá esta semana dúas das propostas do Festival Internacional de Entes Animados
A Concellería de Cultura reserva para o alumnado do CPI Atios o espectáculo “O urso que nâo era” da compañía lusa de Márcia Leite
Valdoviño, 23 de setembro do 2025. O Festival Internacional de Entes Animados chegará esta semana a Valdoviño con dúas novidosas propostas da compañía portuguesa de Márcia Leite, «O urso que nâo era», e da arxentina Pizzicatto, «O Cabaleiro sen Cabalo». A primeira está reservada para o alumnado do CPI Atios, e celebrarase este venres ás 12:30 h no anfiteatro da casa da cultura -en caso de choiva, trasladaríase ao auditorio-. A segunda, aberta ao público en xeral, terá lugar o domingo 28 ás 12:30 h na Porta do Sol, espazo que acollerá neses momentos o tradicional feirón do último domingo de mes.
«O urso que nâo era» é unha peza de teatro de obxectos inspirada no libro homónimo de Frank Tashlin. Nela, abórdanse os cambios que teñen lugar durante a hibernación dun oso, establecendo unha analoxía deste momento cos tempos actuais, cunha crítica velada á perda de identidade, á indiferenza, á rutina, á contaminación e á destrución da natureza, e unha invitación á reflexión.
Pola súa banda, «O Cabaleiro sen Cabalo» ofrecerá unha historia de acción e disparates en tempos medievais que se remonta a unha época máxica chea de misteriosos seres e castelos encantados. A personaxe principal, no seu errante camiño, vive fantásticas aventuras que compartirá co público.
Valdoviño convértese así nun dos escenarios do Festival Internacional de Entes Animados. Este proxecto cultural, que arrincaba o pasado 19 de setembro, está impulsado polos concellos de Ares, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Mugardos e Neda, ademais de Valdoviño, e inclúe no seu conxunto 21 funcións ata o 28 de setembro. Os espectáculos son de balde, e a dirección técnica do festival recae en Plamen Dipchikov.
