O Concello de Valdoviño acollerá en maio un dos cursos da Deputación sobre defensa persoal feminina

As mulleres interesadas na iniciativa poden formalizar a súa inscrición a través dun formulario web a partir de hoxe

Valdoviño, 17 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño acollerá o vindeiro 6 de maio un dos cursos de defensa persoal feminina que organiza a Deputación Provincial da Coruña, e hoxe ábrese o prazo de presentación de solicitudes a través do formulario web: https://www.dacoruna.gal/deportes/seminario-intensivo-defensa-persoal-femenina/formulario-inscricion-xornada-defensa-persoal-feminina-2023 O prazo pecharase o 30 de abril -ou unha vez se completen as 70 prazas ofertadas-.

O curso, que é de balde, está dirixido a mulleres de 14 a 65 anos, e no caso de menores de idade é imprescindible achegar autorización asinada polo pai, nai ou titor/a legal e copia do libro de familia e DNIs da menor e persoas que autorizan. 

Durante as clases, que terán lugar de 10 a 14 horas no pavillón municipal do Longoiro, poderán aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha posible situación de perigo.