O Concello de Valdoviño acollerá do 5 ao 8 de abril a edición 2023 do Congreso Mundial de Mediciña do Surf
Celebrarase no auditorio da Casa da Cultura, organizado pola Surfing Medicine International co apoio da Administración local
Valdoviño, 31 de marzo do 2023. Durante esta Semana Santa, Valdoviño acollerá a IX edición do Congreso Mundial de Mediciña do Surf (WCSM). O prestixioso certame regresa ao hemisferio norte tralo seu paso por Australia para celebrar no municipio a súa edición anual. Será no auditorio da Casa da Cultura, tamén sede do Museo do Surf, do mércores 5 ao sábado 8 de abril. Da man de prestixiosos ponentes, traerá os últimos avances científicos sobre a saúde dos surfistas, a prevención de lesións, a prevención de afogamentos e reanimación, o papel dos surfistas como socorristas, a formación, o rendemento do surf, o liderado e a educación ou o medio mariño.
Trátase, segundo explicou o alcalde, Alberto González, do primeiro congreso internacional que se celebra en Valdoviño, brindándolle ao municipio un magnífico escaparate de promoción exterior que, ademais, incidirá especialmente no sector servizos.
O programa estará repleto de conferencias inspiradoras, obradoiros e actividades ao aire libre, como as que se celebrarán o xoves á tarde na praia da Frouxeira, a cargo dos principais especialistas e comunicadores a nivel internacional. Un congreso que ofrecerá contido académico premium nun formato atractivo e interactivo, que brinda unha plataforma científica, baseada na evidencia, para todas as partes involucradas no surf actual. Nel, confirmaron asistencia unhas 60 persoas procedentes de todo o mundo. Médicos, enfermeiros, fisioterapeutas, preparadores físicos, adestradores ou técnicos de surf tanto nacionais como chegados de fóra de España.
Así, o programa do congreso, que coordina en España o neurociruxán galego Pedro Reimunde, estará adicado cada día a un tema que reflicte as necesidades do surfista actual:
5 de abril. Trala apertura de portas, curso pre-congreso 1: Afogamento en medio acuático e Reanimación; Curso pre-congreso 2: Fisioterapia e Ortopedia en surfistas
6 de abril. Lesións agudas, rescates, reanimación e traumatismos
7 de abril. Prevención de lesións e rendemento
8 de abril. Liderado, educación e impacto
Así mesmo, toda a información está dispoñible a través da web do WCSM23: https://www.surfingmed.com/world-conference-2023/