O Concello de Valdoviño abrirá o próximo luns o prazo de inscrición no Festival de Comparsas

Celebrarase o sábado 25 de febreiro e repartirá 3.450 euros en axudas á participación e vales canxeables no comercio e hostalería locais

Valdoviño, 9 de febreiro do 2023. A Concellería de Cultura de Valdoviño abrirá o vindeiro luns 13 de febreiro o prazo de inscrición no XXIII Festival de Comparsas, que terá lugar o sábado 25 de febreiro. Para formalizala é preciso presentar a documentación requerida na Casa da Cultura (que poderá descargarse da web municipal) e o prazo rematará o día 20 de febreiro (incluído). O horario de atención é de luns a venres de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. 

O Festival de Comparsas repartirá 3.450 euros. En axudas á participación, 3.000 euros -300 euros/máximo por comparsa-; 300 euros en 2 vales canxeables de 150 euros no comercio e hostalería local para as 2 mellores comparsas, e 150 euros (en tres vales de 50 euros para comercio e hostalería locais) para os galardoados na categoría de grupos. 

Haberá 2 categorías: comparsas adultos e grupos. Nesta última categoría entran os disfrazados a título individual, as parellas de disfraces e grupos de ata cinco persoas. A título de disfrace individual non se admitirán menores. Porén, estes si poderán formar parte de parellas ou grupos sempre e cando o número de adultos sexa como mínimo do 50%. A parella ou grupo deberá de manter unha uniformidade de criterio na súa indumentaria. 

O festival arrancará ás 17,30 h cun pasarrúas entre a casa consistorial e a casa da cultura. Neste último espazo habilitarase unha carpa para acoller o festival propiamente dito. 

Cada comparsa interpretará ante o público un máximo de dúas cancións ou parodias ou ben, unha parodia e unha canción. Así mesmo, polo menos unha delas terá que estar escrita e interpretada en linga galega e unha delas xirar en torno a Valdoviño. 

O xurado valorará, entre outros aspectos, a orixinalidade e vistosidade do disfrace, a posta en escena, as letras das cancións ou parodias, a simpatía e a animación de rúa que realice o grupo participante.

INSCRICIÓN COMPARSAS

INSCRICIÓN DISFRACES

BASES ENTROIDO 2023