O Concello de Valdoviño abre o prazo para solicitar as axudas escolares para a adquisición de material e para o transporte

Nesta convocatoria, eleva a partida de 7.000 a 12.000 euros

Valdoviño, 3 de setembro do 2026. O Concello de Valdoviño convoca as axudas escolares para a adquisición de material escolar e transporte, e a partir de mañá venres, as familias poderán presentar a súa solicitude no rexistro municipal da casa consistorial ou a través da sede electrónica. Neste curso, a Administración local redobra o esforzo inversor neste programa, e eleva os fondos da liña de axudas ata os 12.000 euros, fronte os 7.000 destinados en 2025.

As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, e máis na web municipal, e o trámite pode formalizarse ata o 13 de setembro -incluído-.

No caso das achegas para mercar material escolar, están dirixidas a pais, nais, titores ou familias acolledoras de fillos e fillas con idade igual ou inferior a 23 anos con escolarización nos niveis de Infantil, Primaria ou Secundaria dalgún dos centros educativos do concello de Valdoviño (exceptuando aqueles casos nos que non exista praza e Inspección determine o traslado a centros de outras localidades) ou cursando Bacharelato/ Formación Profesional nalgún centro público educativo ou nalgunha das Universidades públicas de Galicia.

No tocante ás subvencións para o transporte escolar, poderán beneficiarse familias con menores con escolarización en Bacharelato e Formación Profesional de concellos próximos, así como as persoas maiores de idade que cursen estudos nalgunha das Universidades públicas de Galicia (igual ou menores de 23 anos).

Entre os requisitos esixidos, as persoas solicitantes deben estar empadroadas en Valdoviño, estar ao día nas obrigas tributarias, e non superar os límites nos ingresos económicos establecidos.

BASES