O Concello de Valdoviño abre o prazo para solicitar as axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e para o transporte

A Administración local destinará este ano unha partida de 12.000 euros

Valdoviño, 23 de xullo do 2025. O Concello de Valdoviño abre este mércores 23 de xullo o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás axudas de apoio ás familias para a adquisición de material escolar e para o transporte. O Boletín Oficial da Provincia publicaba onte a convocatoria das bolsas, co que comeza a contar o prazo de 30 días naturais para formalizar o trámite no rexistro xeral da casa consistorial ou telematicamente.

A liña de axudas para a adquisición de material escolar está dirixida a pais, nais, titores/as ou familias acolledoras de nenos/as e rapaces de ata 23 anos con escolarización nos niveis de Infantil, Primaria ou Secundaria de Valdoviño ou Bacharelato e FP en centros públicos dos concellos próximos ou na Universidade.

Respecto ás subvencións para o transporte escolar, están destinadas a familias con menores cursando Bacharelato ou FP, e persoas maiores de idade (ata 23 anos tamén) matriculadas na ensinanza universitaria.

Entre os requisitos esixidos, as persoas solicitantes deben estar empadroadas en Valdoviño, estar ao día nas obrigas tributarias, e non superar os límites nos ingresos económicos establecidos.

A convocatoria pode consultarse no BOP do 22 de xullo, e as bases, na páxina web municipal: https://acortar.link/KuvjOt