O Concello de Valdoviño abre inscricións nun obradoiro para mozos sobre oportunidades de emprego na UE

Celebrarase o venres 19 de maio, de 16:30 a 18:30 h, na Biblioteca
Valdoviño, 5 de maio do 2023. Dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, Valdoviño acollerá o venres 19 de maio o obradoiro “Impulsa o TEU futuro: portais e oportunidades de emprego na UE”. Celebrarase na Biblioteca Municipal entre as 16:30 e as 18:30 horas, con participación gratuíta, prazas limitadas e inscrición previa, dende xa, no teléfono da Casa da Cultura 981 48 76 66 -de 10 a 13 h- e 645 305 229 de 16 a 20 h-.
A iniciativa está organizada por Europe Direct A Coruña, coa colaboración do Concello, e o obxectivo é formar a mozos e mozas na mellora das súas competencias e habilidades dixitais, ensinándolles a adecuar os seus perfís profesionais ás capacidades demandadas polo mercado laboral europeo.
Así, no taller ofrecerase formación sobre o uso dos portais EURES e como sacarlle o mellor partido ao currículo Europass, así como sobre as oportunidades que existen dentro da Unión Europea no eido das prácticas laborais e do emprego e da importancia cada vez maior das habilidades dixitais.