O Concello de Valdoviño abre inscricións nas Aulas de Artes Plásticas e de Cerámica
Con carácter interxeracional, levaranse a cabo semanalmente nos locais sociais de Loira -Artes Plásticas- e de Vilaboa -Cerámica-
Valdoviño, 7 de setembro do 2026. O Concello de Valdoviño abre inscricións este martes 8 de setembro na Aula de Artes Plásticas e na Aula de Cerámica. Segundo explicaba a concelleira de Cultura, Rosana García, trátase de dúas accións con carácter interxeracional, nas que nenos e nenas comparten espazo creativo con persoas adultas, nalgúns casos, mesmo con pais e nais. Ademais, con elas búscase descentralizar nas parroquias a actividade cultural, con propostas máis aló da casa da cultura.
Así, a Aula de Artes Plásticas levarase a cabo no local social de Loira, un espazo inspirador con vistas ao encoro. Será os martes en dous grupos, de 16:30 a 18:30 h e de 18:30 a 20:30 h. A acción está dirixida a nenos e nenas a partir de 7 anos e persoas adultas, e volverá contar co pintor local Manuel Carballeira como mestre.
Pola súa banda, a artista afincada en Vilarrube Martina Beceiro poñerase ao fronte das clases de cerámica, que se celebrarán os xoves, de 16:30 a 18:30 horas no local social de Vilaboa -antiga escola unitaria-. Neste caso, están dirixidas a nenos e nenas a partir de 3º curso de Primaria e persoas adultas.
O custe mensual será de 22,12 euros no caso dos/as menores de idade, e de 29,49 euros para participantes de 18 anos en adiante.
A inscrición poderá formalizarse ata o 18 de setembro, presencialmente na casa da cultura de 9:00 a 13:00 horas ou a través da sede electrónica.
