O Concello de Valdoviño abre inscricións na terceira e última etapa guiada pola Ruta Costeira, entre as praias de Lago e Campelo

De 12 km e dificultade media, celebrarase este sábado 18 de abril

Valdoviño, 14 de abril do 2026. O Concello de Valdoviño abre hoxe o prazo de inscrición na terceira e última etapa guiada pola Ruta Costeira. Celebrarase este sábado 18 de abril, con saída ás 10 horas do estacionamento da praia de Outeiro, en Lago, e coa vista posta en alcanzar o areal de Campelo, en Meirás. Entre un e outro punto, 12 km dun itinerario de dificultade media, a realizar nun tempo de 4 horas. Organizada pola Concellería de Cultura e Turismo e guiada pola firma Portal Norte, a iniciativa conta con prazas limitadas e preferencia para aquelas persoas que xa completaron a etapa precedente. Para anotarse debe enviarse un whatsapp ao número 648 87 77 80, de luns a venres de 10 a 16 h (ata completar aforo).

Entre os imperdibles da etapa está o Faro de Punta Frouxeira, a ermida da Virxe do Porto ou o Pico da Vela. Como nos anteriores, trátase dun itinerario lineal, co que o regreso correrá por conta das persoas participantes.

A Ruta Costeira propón unha viaxe pola historia, a natureza e a identidade do territorio, apostando por un turismo de calidade, sostible e respectuoso. No seu conxunto son preto de 40 km, que permiten descubrir Valdoviño de Norte a Sur, dende Porto do Cabo ata Campelo.