O Concello de Valdoviño abre inscricións na ruta en bici eléctrica pola Senda das Ondas
A participación é gratuíta, e a bici e o casco corren por conta do Concello
Valdoviño, 11 de abril do 2023. O Concello abre o prazo de inscrición nun novo programa de rutas guiadas por algúns dos espazos naturais máis extraordinarios de Valdoviño. A primeira delas celebrarase este mesmo sábado 15 de abril, e ten a particularidade de que é a única a realizar en bicicleta eléctrica. Con prazas limitadas, proponnos percorrer os 20 quilómetros da Senda das Ondas, dende a zona da Veiga, en Pantín, ata o Faro de Punta Frouxeira, en Meirás. Para iso, as persoas participantes, nenos e nenas a partir de 14 anos e adultos, contarán con asistencia durante todo o percorrido a cargo da empresa Portal Norte. Ao remate, poderán regresar nun vehículo da propia firma. A dificultade é baixa, cun desnivel acumulado de 600 metros e duración estimada de 2,5 horas -o arranque está previsto para as 10 horas-. Bicicleta e casco corren por conta do Concello.
Así, o prazo de inscrición ábrese hoxe, ata o xoves ou completar prazas, e tan só é preciso mandar un correo a deportes@concellodevaldovino.com sinalando nome e apelidos, data de nacemento, localidade de residencia -terán preferencia os e as empadroados/as-, teléfono de contacto, así como unha fotocopia do DNI (en arquivo adxunto). A participación é gratuíta.
A Senda das Ondas permitiranos desfrutar de incribles panorámicas da nosa costa, pasando por puntos tan destacados como o miradoiro de San Xiao -con vistas a Punta Chirlateira-, miradoiro do Oural, praia do Baleo, praia de Pantín, falla de Valdoviño, O Paraño, A Frouxeira e faro de Meirás.
Recoméndase ir provisto/a de auga, algunha froita e roupa adecuada ás temperaturas e a actividade.
CALENDARIO
A seguinte ruta no calendario será o domingo 30 de abril: unha ruta de sendeirismo circular por Pantín-Miradoiro dos Penidos-As Forcadas-Pantín. De 10 km de distancia e 600 metros de desnivel acumulado, ten unha duración estimada de 5 horas. Partirá ás 10 horas das inmediacións de Casa Caneiro, tamén con participación gratuíta e inscrición previa -abrirase o prazo nas vindeiras xornadas-.
De dificultade baixa, a ruta arranca cunha extraordinaria panorámica da praia de Vilarrube, e dende aí, plantéanos cubrir unha senda en plena natureza ata Os Penidos, un dos puntos máis altos do municipio e balcón privilexiado da costa ártabra, da serra da Capelada ou das Forcadas. A andaina continuará seguindo o curso da canle de abastecemento da central das Ferrerías. Para facela, é aconsellable acompañarse de auga, algo de froita, calzado de montaña, roupa adecuada, bastóns, gorra e mochila.
Así mesmo, o domingo 14 de maio, o Concello organizará a circular polo Pico da Vela. De dificultade baixa-media, 9 km de distancia, 600 metros de desnivel acumulado e 4,5 horas de duración. Partirá do estacionamento da praia do Río, en Meirás, ás 10 horas. Unha ollada ao pasado militar do municipio a través dos restos da antiga batería de Campelo. No máis alto, cunhas extraordinarias vistas da costa, visita á praia de Campelo e regreso ao areal de partida. Tamén se aconsella levar auga, froita, calzado de montaña, roupa axeitada á actividade, bastóns, gorra e mochila.