O Concello de Valdoviño abre inscricións en Concilia Tempos Verán
As familias con fillos ou fillas de entre 4 e 13 anos poden presentar a solicitude no rexistro municipal ou a través da sede electrónica
Valdoviño, 26 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño abre hoxe o prazo de inscrición no programa Concilia Tempos Verán, dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 13 anos. Segundo explicaba a concelleira de Servizos Sociais, Rosana García, co programa búscase botar unha man ás familias á hora de compatibilizar as obrigas laborais co coidado dos fillos e fillas menores durante as vacacións de verán. Como é habitual nos últimos anos, os campamentos celebraranse en xullo e en agosto de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas no local social de Pantín.
O trámite debe realizarse no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica, e a ficha poderá descargarse da web municipal a partir de hoxe. O prazo manterase aberto ata o 5 de xuño.
A cota de participación é de 50 euros por mes e neno/a (no caso de irmáns/ás aplicarase un desconto do 20%). Na concesión de prazas, limitadas, terán prioridade as persoas empadroadas en Valdoviño, que estean en activo laboralmente e/ou que teñan circunstancias de especial consideración. Ademais, para obter máis información sobre os criterios de preferencia na concesión ou calquer outro dato, a veciñanza pode dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais ou teléfono 981 48 70 41 ext. 5.
A programación contemplará xogos, manualidades, deportes e a exploración do medio natural, con tempos para o xogo libre e os paseos pola contorna.
O programa conta co apoio da Deputación da Coruña e financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade (así como polo Concello de Valdoviño).
