O Concello de Valdoviño abre inscrición nun programa sobre tecnoloxía creativa dirixido á mocidade

Celebrarase do 1 ao 10 de xullo no centro sociocomunitario

Valdoviño, 9 de xuño do 2025. Dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos, o Concello de Valdoviño abre inscrición nas actividades “CRI TIC: Infancia e xuventude con criterio dixital”, coas que aprender sobre tecnoloxía de forma segura, creativa e divertida. Guiado pola Fundación Esplai, celebrarase do 1 ao 10 de xullo no centro sociocomunitario, en horario de 10:00 a 14:00 horas, ata completar as 30 horas previstas. A participación é de balde, con prazas limitadas.

A concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Rosana García, avanzaba contidos, e entre outros, sinalaba o uso responsable e consciente da tecnoloxía e redes sociais; as fake news; programación e robótica educativa, intelixencia artificial (IA) e creatividade dixital, ciberseguridade e prevención do ciberacoso, ou realidade aumentada e realidade virtual. En definitiva, fomentarase o descubrimento das potencialidades que ofrece o mundo dixital.

As persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o 15 de xuño na casa da cultura e no departamento municipal de Servizos Sociais (de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas), ou a través da sede electrónica. Así mesmo, a ficha de inscrición para avanzar traballo está dispoñible  na web municipal.

FICHA DE INSCRICIÓN