O Concello de Valdoviño abre este venres inscricións en Concilia Tempos Verán!
O programa municipal celebrarase nos meses de xullo e agosto, no local social de Pantín, e amplía idades ata os 13 anos -dende os 4-
Valdoviño, 3 de xuño de 2024. O Concello de Valdoviño abrirá este venres o prazo de inscrición en Concilia Tempos Verán. Os campamentos municipais regresarán durante os meses de xullo e agosto ao local social de Pantín, dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 13 anos. Nesta edición, amplíase así a idade ata 1º da ESO, atendendo ás peticións cursadas por familias en anos anteriores. Celebraranse de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas -co inicio das actividades ás 10:00 h, e no tempo previo, horario de conciliación opcional-.
A programación incluirá roteiros, xogos e deportes, e potenciaranse ao máximo as actividades no exterior -aproveitando a pista deportiva e realizando unha morea de saídas pola contorna próxima, especialmente á praia de Pantín-. Fomentarase a investigación e a convivencia, promovendo accións de lecer didáctico nun programa que busca, en definitiva, botar unha man ás familias con fillos e fillas menores na complicada tarefa de compatibilizar obrigas laborais e familiares durante as vacacións escolares de verán.
A inscrición pode realizarse presencialmente no rexistro xeral municipal ou a través da sede electrónica, e as fichas a cubrir poden descargarse da web municipal. O prazo permanecerá aberto ata o 20 de xuño, incluído. A cota de participación é de 50 euros por mes e neno/a (no caso de irmáns/ás aplicarase un desconto do 20%). En caso de que a demanda exceda a oferta, terán preferencia as persoas empadroadas en Valdoviño.