O Concello de Valdoviño abre este luns inscricións na XXII Andada a Santo André

A peregrinación celebrarase o 30 de setembro, con prazas limitadas

Valdoviño, 8 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño organizará o sábado 30 de setembro a XXII edición da Andada a Santo André de Teixido, e este luns, 11 de setembro, abre inscricións para participar na mesma. As prazas son limitadas, e como o pasado ano, haberá 2 formas de reserva: 

-online -ata o 18 de setembro ás 14 h-, cubrindo un formulario incluído neste enlace, abonando a cuota e enviando o xustificante por email

-presencialmente, na casa da cultura -ata o 15 de setembro e na xornada do 18 de setembro, en horario de 10 a 13 h-, cun máximo de 3 inscricións por persoa 

A andada partirá do aparcadoiro situado fronte á Casa Joselito ás 8:00 h, haberá puntos de avituallamento polo camiño, e á chegada a San Andrés xantarase na contorna, namentras que o regreso realizarase en autocar sobre as 18:30 h. Así mesmo, os/as menores de idade a partir de 14 anos que desexen participar deberán contar con autorización do pai/nai ou titor legal e ir acompañados/as dunha persoa adulta. A cuota de participación é de 15 euros.