O Concello de Valdoviño abre do 1 ao 15 de maio a presinscrición na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia
O servizo é, dende este curso, gratuíto para as familias
Valdoviño, 28 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño abre do 1 ao 15 de maio o prazo de inscrición na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Deste xeito, as familias interesadas en solicitar este recurso de conciliación, gratuíto dende este curso, poden realizar o trámite presencialmente, no rexistro municipal (dende o martes 2 de maio ao coincidir en festivo a primeira xornada) ou a través da sede electrónica. Os impresos poden recollerse no propio PAI ou descargarse da web municipal.
As instalacións, dirixidas a nenos e nenas de 4 meses a 3 anos, téñense convertido nunha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño. Están ubicadas nunha contorna única como é a zona da praia e lagoa da Frouxeira, e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e office. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo, outra cuberta e unha pequena horta.
O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9 a 13 horas (pode aumentarse con horas soltas). Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.
Calquera dúbida ou consulta pode realizarse a través do teléfono de Servizos Sociais: 981 48 70 41.
Comentarios