O Concello de Valdoviño abre a presinscrición para novos ingresos na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia

O prazo permanecerá vixente do 1 ao 15 de maio, e os impresos poden descargarse da web municipal www.concellodevaldovino.com

O Concello de Valdoviño abrirá do 1 ao 15 de maio o prazo de preinscrición para novos ingresos na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. Deste xeito, as familias interesadas en solicitar este recurso de conciliación poden descargar o impreso da web municipal (www.concellodevaldovino.com) e presentalo no rexistro municipal ou a través da sede electrónica.

As instalacións, dirixidas a nenos e nenas de 4 meses a 3 anos, téñense convertido nunha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño. Están ubicadas nunha contorna única como é a zona da praia e lagoa da Frouxeira, e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e office. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo, outra cuberta e unha pequena horta.

O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario  de 9 a 13 horas (pode aumentarse con horas soltas). Proporcionaráselles almorzo  e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.

No último curso, un esixente protocolo de prevención fronte á covid-19 marca o día a día no centro. Un protocolo que ten variado tamén as instalacións, coa dotación dunha sala de illamento no caso de que se produza algún caso sospeitoso de covid, ou a instalación de paredes acristaladas no acceso, para facilitar a chegada das familias, evitando a súa entrada ao interior e minimizando contactos.

Calquer dúbida ou consulta pode realizarse a través do teléfono de Servizos Sociais: 981 48 70 41 extensión 5.