O Concello de Valdoviño abre a inscrición en EspadEla: Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural
Contempla 4 obradoiros e arrancará o día 30 no local social de Vilaboa
O Concello de Valdoviño abre o prazo de inscrición para participar en EspadEla: Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural. A través da mesma, ofrécense 4 obradoiros que combinarán formación presencial e a distancia a través do apoio das novas tecnoloxías. Son os seguintes: “Con voz propia” (4 horas); “Enredad@s” (8 horas); “Habitando o noso corpo” (4 horas) e “Saberes en común” (4 horas). As mulleres interesadas en tomar parte deben inscribirse enviando un email a servizos.sociais@concellodevaldovino.com ou no teléfono 981 48 70 41 extensión 5. O prazo conclúe o 25 de setembro e todos os obradoiros se desenvolverán no local social de Vilaboa (antiga unitaria) os mércores. O primeiro encontro celebrarase o 30 de setembro.
Máis polo miúdo, o contido dos obradoiros é o seguinte:
-“Con voz propia”: traballarase arredor da autoestima, da participación, do liderado e da prevención de violencias machistas. Abordarase o recoñecemento persoal das mulleres como suxeitos de dereitos políticos, sociais e civís.
-“Enredad@s”: centrado nas novas tecnoloxías, realizarase unha aproximación ás posibilidades que ofrece Internet e as redes sociais traballando o manexo práctico de dispositivos móbiles que facilitan a comunicación e o traballo en rede.
-“Habitando o noso corpo”: arredor do autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional. Utilizaranse ferramentas da biodanza, da atención plena e do ioga integral, como medios para chegar a esta conexión sempre dende o goce e o autocoidado.
-“Saberes en común”: recuperación e posta en valor de saberes, coñecementos e experiencias das mulleres sobre os diversos traballos que desenvolveron ao longo da súa vida, así como do territorio que habitan.
ESPADELA
EspadELA nace en 2018 impulsada pola cooperativa Arabías da man do Sindicato Labrego Galego e financiada pola Deputación da Coruña. Un proxecto co que crear espazos de traballo no plano persoal para mellorar as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino. A primeira edición e a segunda da escola desenvolveuse nos municipios de Arzúa, Ordes, Betanzos e Moeche obtendo altos niveis de participación e satisfacción por parte das mulleres participantes. Nesta terceira, bota a andar en As Pontes, Cabanas e Valdoviño.
.