O Concello de Valdoviño abre a inscrición e avanza o inicio de Concilia Tempos Mañás co arranque do curso nos centros educativos
O servizo de almorzos saudables prestarase en horario de 7,30 a 9,30 h
O Concello de Valdoviño volverá a poñer en marcha este curso o programa Concilia Tempos Mañás. Arrancará co inicio das clases tanto no CPI Atios como, de constatar demanda, nas escolas do CRA O Esquío. Será o vindeiro xoves 9 de setembro, e manterá o horario ampliado de 7,30 a 9,30 h implantado o pasado curso. Así, o alcalde, Alberto González, avanzaba esta mañá a apertura do prazo de inscrición para sumarse ao mesmo. Debe facerse cubrindo a instancia e presentándoa no rexistro xeral ou a través da sede electrónica municipal. O prazo conclúe o día 7 de setembro (incluído).
O prezo do servizo é de 30 euros ao mes e de 20 no caso de optar por medio mes, cun desconto do 20% en ambos casos para os 2º irmáns/ás participantes. As prazas son limitadas e no caso de existir máis demanda procederase a baremar, tendo preferencia as familias con padrón no Concello e nas que os membros adultos estean a traballar, as numerosas e as monoparentais.
A través de Concilia Tempos Mañás os nenos e nenas participantes poderán desfrutar dun almorzo variado e saudable, así como de contos, conversas e música.
Existirá un protocolo específico da covid-19 que se cumprirá por parte das persoas acompañantes, de xeito que sexa un espazo seguro e igualmente agradable. Manterase a distancia de seguridade e o uso de utensilios personalizados e non compartidos, do mesmo xeito que se manterán unhas entradas seguras e unha incorporación programada ao resto do grupo da aula.
Por último, sinalar que se manterá unha reunión informativa coas familias antes do inicio do servizo.