O Concello dá luz verde aos orzamentos do 2022, que ascenden a 6,3 millóns e poñen o acento na atención social

A corporación aproba inicialmente as contas sen ningún voto en contra

Valdoviño, 18 de novembro de 2021. O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da aprobación inicial en pleno dos orzamentos municipais para 2022. Unhas contas que saíron adiante sen ningún voto en contra. O paso seguinte será a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia para a fase de exposición pública e, de non contar con alegacións, quedarían definitivamente aprobados, cumplindo así o obxectivo de comezar o ano coas novas contas. Ascenden a 6.301.465,57 euros, equiparando ingresos e gastos, e increméntanse lixeiramente respecto ás de 2021, no que as contas ascenderon a 6.273.257,10 euros.

Un ano máis, tal e como subliñou o alcalde, os orzamentos poñen o acento no capítulo social, elevando o gasto polo incremento de usuarios e usuarias nos diferentes programas de atención, especialmente o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes e Emerxencia Social para a protección das persoas máis vulnerables, e a ampliación de servizos como os programas de conciliación (liñas de axuda para usuarios/as do Punto de Atención á Infancia, almorzos nos coles e CRA O Esquío ou campañas de actividades nos periodos non lectivos).

A grandes rasgos, as contas buscan continuar facendo de Valdoviño un concello onde poder desenvolver un proxecto de vida de calidade e con servizos, facéndoo atractivo para que as familias queiran fixar a súa residencia con carácter estable, cunha programación cultural e deportiva de máxima calidade, cunha selección de actividades formativas e de emprendemento actractivas e de interese para a xente, e potenciando tamén o turismo máis aló do periodo estival.