O Concello dá luz verde á aprobación provisional da delimitación de 37 novos núcleos rurais
A corporación volveu someter a votación a medida tras realizar as modificacións solicitadas hai tres meses pola Xunta ao documento aprobado pola Administración local en febreiro de 2024
Valdoviño, 29 de outubro do 2025. A delimitación de 37 novos núcleos rurais en Valdoviño encara a recta final dun longo proceso administrativo. Onte, a corporación daba luz verde á súa aprobación provisional cos votos do PSOE e do BNG e a abstención do PP. Era a segunda vez que a proposta iba a aprobación provisional, tras unha primeira votación en febreiro de 2024 -daquela saía adiante cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra dos populares-. O seguinte paso era dar traslado á Xunta do expediente, e a súa resposta chegaba o pasado mes de agosto, requerindo algúns cambios non substanciais e solicitando o seu paso por pleno. Agora, o acordo coas modificacións solicitadas remitirase de novo á Xunta de Galicia, coa competencia para aprobalo definitivamente.
Na práctica, a medida beneficiará a máis de 500 propietarios das oito parroquias de Valdoviño, que poderán dispoñer dos seus terreos para edificar, asentando poboación e favorecendo o crecemento urbanístico de Valdoviño. Así mesmo, esa delimitación dos novos núcleos incorporarase ao Plan de Urbanismo, en fase de elaboración, e evitará a suspensión da tramitación de licenzas unha vez o documento se aprobe inicialmente.
CAMPAMENTOS TURÍSTICOS
Tamén por segunda vez o Concello de Valdoviño levaba a pleno a aprobación provisional dos criterios interpretativos que rexirán a implantación dos campamentos turísticos no municipio. A medida permitirá ordear o asentamento en solo rústico de campings e infraestruturas para autocaravanas, e dar maior seguridade xurídica a estas instalacións, cunha crecente e forte demanda no municipio. En todo caso, a normativa de Valdoviño busca adaptarse ao decreto aprobado pola Xunta, permitindo avaliar que espazos do territorio poden ser susceptibles de acoller este tipo de infraestruturas atendendo ás limitacións dende o punto de vista paisaxístico e patrimonial. A iniciativa fora aprobada en abril de 2022, remitíndose tamén á Xunta para valoración. O pasado mes de setembro a Administración galega solicitaba correccións non substanciais que, realizadas, devolvían o documento ao pleno, aprobándose na sesión de onte. Regresará agora á Xunta, tamén coa competencia para a súa aprobación definitiva.
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
O Concello de Valdoviño destinará os 220.245,46 euros do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña a gasto corrente. Segue así os criterios dos servizos económicos municipais, unha vez constatado que os fondos non cubrirían o custe das obras que a Administración local incluía este ano para o programa. Deste xeito, a partida permitirá financiar servizos e programas do día a día do Concello. Na mesma sesión, a corporación daba luz verde aos días de peche do Punto de Atención á Infancia-Aula da Natureza, establecendo como o pasado ano o venres 31 de outubro de 2025 e o luns 16 de febreiro de 2026 -Entroido-. Xornadas nas que o Concello levará a cabo tarefas de mantenemento.
